Loomio
Sun 1 Feb 2015 12:07PM

Acta sesión do 31/01 e convocatoria do foro compostela aberta á cultura

X xron Public Seen by 120

Deixamos aquí a acta da sesion de traballo feita o sábado 31 de xaneiro, onde se propón unha folla de ruta para o mes de febreiro que desembocará nun foro do GdT Cultura o sábado 21 onde se terá que elaborar un documento base para o programa de Compostela Aberta.

X

xron Sun 1 Feb 2015 12:08PM

ACTA DA SESIÓN DE TRABALLO DO GRUPO DE CULTURA / COMPOSTELA ABERTA
SÁBADO 31 DE XANEIRO 2015

CONVOCATORIA E PARTICIPANTES

Convocouse unha sesión de traballo presencial aberta a todos os participantes no Grupo de Traballo de Cultura, coa intención de ordenar a documentación xerada no debate en rede, deseñar un calendario de traballo e organizar unha estrutura e unha metodoloxía que permitan desenvolver o debate e as propostas de cara a redactar un programa marco de cultura.

A convocatoria faise a través de Loomio, dirixida principalmente ás 23 persoas rexistradas no Grupo de Traballo de Cultura e aberta a novas incorporacións. Responden á convocatoria 7 persoas rexistradas en Loomio, das que 6 manifestan a súa intención de acudir á cita. Finalmente na sesión participan 5 persoas: Horacio, Iria, Xron, Ania (nova incorporación), Mónica (nova incorporación) e Rafa (está colaborando coa Marea Atlántica da Coruña).

DESENVOLVEMENTO

A sesión ábrese formulando unha pregunta:
Co material xerado e a participación acadada, que se pode facer de aquí ao 18-20 de febreiro, prazo de entrega dun borrador coas propostas do grupo de traballo para o programa de Compostela Aberta?

Ábrese un diálogo para analizar a capacidade do grupo, a disponibilidade dos seus membros e os obxectivos que sería posible acadar.

Chegouse ao acordo de que se pode xerar un marco de actuación e definir unha metodoloxía de traballo, coa perspectiva de desenvolver un proceso instituínte, no sentido de repensar desde a base as políticas culturais locais.

A idea é conducir o proceso desde o grupo de xente máis activa, sempre abertos a calquera incorporación, e promover unha maior participación para unha discusión máis profunda e compartida.

Definimos tres áreas de traballo para desenvolver o proceso paso a paso:

  1. Diagnóstico da situación cultural de Compostela por efecto das políticas culturais exercidas na cidade.

  2. Definición duns principios, unhas obrigas e uns obxectivos que sirvan para artellar un programa marco de cultura e visibilicen os compromisos adquiridos por CA como movemento cidadán (trátase de cuestións como: descentralizar, transversalidade, acompañar procesos, etc.).

  3. Propostas de accións vencelladas aos principios, obrigas e obxectivos identificados. Facilitar tamén indicadores que permitan unha avaliación durante o proceso de aplicación destas accións.

Para encher de contido cada unha destas áreas de traballo, proponse abrir un proceso de participación baseado na recollida de opinións múltiples a partir dun único formato de cuestionario, de maneira que facilite a clasificación das respostas. A idea é que respondan a estas preguntas primeiro as persoas que participan nesta sesión de traballo, despois todas as que están rexistradas no Grupo de Traballo de Cultura en Loomio e o resto de persoas vencelladas a Compostela Aberta e tamén aqueles outros axentes (asociacións, profesionais, veciñanza, etc.) que queiran completar as achegas realizadas. Pedirase a todas as persoas e axentes interpelados que respondan a cada cuestión cunha exposición argumentada de 5 liñas e a identificación de 5 puntos salientables. Estas poderían ser as preguntas:

-Cal é o teu diagnostico da situación cultural en Compostela por efecto das políticas culturais aplicadas nos últimos anos? Escribe como máximo 5 liñas de presentación e sinala como máximo 5 puntos principais.

-Cales son os principios que deben guiar a xestión política da cultura en Compostela Aberta? Argumenta a túa opinión en 5 liñas como máximo e sinala 3 principios.

-Cales son as obrigas que debe asumir Compostela Aberta ao exercer a súa política cultural? Argumenta a túa opinión en 5 liñas como máximo e sinala 3 obrigas.

-Cales son os obxectivos da política cultural promovida por Compostela Aberta? Argumenta a túa opinión en 5 liñas como máximo e sinala 3-5 obxectivos.

-Cales son as accións que se poderían levar a cabo para executar un programa cultural con eses principios, obrigas e obxectivos? Sinala un máximo de 5 accións concretas que respondan aos principios, obrigas e obxectivos identificados.

CONCLUSIÓNS

Iniciar este proceso de maneira inmediata, pero facelo progresivamente.

Esta fin de semana abrirase xa un fío en loomio para comezar co diagnóstico da situación cultural de Compostela, que se pode expandir a calquera outro axente cultural da cidade. O grupo de diagnóstico sera moderada e dinamizada por Xron.

O xoves 5 de febreiro abrirase outro fío para definir principios, obrigas e obxectivos, que será moderado e dinamizado por Iria e Horacio.

E o mércores 11 abrirase o último fío para aportar propostas de accións.

Para organizar todas as aportacións recollidas e dar forma a unha proposta xeral de programa de cultura de Compostela Aberta, proponse celebrar un foro de traballo o sábado 21 de febreiro: FORO COMPOSTELA ABERTA Á CULTURA. Pola mañá (11h. a 14h.) faranse tres mesas/grupos de traballo, un dedicado ao diagnóstico, outro aos principios/obrigas/obxectivos e outro ás accións/propostas. Cada persoa participante debera apuntarse a un destes tres grupos. Tamén se propón facer un grupo de mediación para traballar coa xente que veña por primeira vez e non estea familiarizada coa documentación xerada. Pola tarde (16h. a 18h.) farase unha posta en común das conclusións de cada grupo.

Para realizar este foro proponse varios posibles espazos:

Museo do Pobo Galego
Hotel Virxe da Cerca
Sargadelos
Cidade da Cultura

Para dinamizar a participación neste proceso e no foro, fálase de crear un evento desde o facebook de Compostela Aberta, que pode escribir e moderar Ania en coordinación con alguén de comunicación de CA.

Proponse que para participar no foro sexa requisito previo rexistrarse no Grupo de Traballo de Cultura en Loomio, así promovemos que todo o mundo teña a posibilidade de coñecer e familiarizarse coa documentación posta a circular.