Loomio
Wed 8 Jul 2015 1:06PM

ACTA DO PLENARIO DE CULTURA DO 25 XUÑO

X xron Public Seen by 25

ACTA DA REUNIÓN GRUPO DE CULTURA - 25 de Xuño de 2015

Apertura do plenario e recollida de nomes e correos electrónicos de contacto das persoas asistentes o día 25 de xuño as 19:34. Participan arredor de 80 persoas.

Xesús Ron abre a presentación
Actuando en coordinación do grupo de traballo. Explica a dinámica da reunión e os obxectivos do plenario:

  • Informar da situación do Concello
  • Explicar o programa de cultura de Compostela Aberta como compromiso adquirido do equipo de goberno que non está totalmente pechado, pero marca unhas directrices de actuación durante a lexislatura
  • Describir a estrutura do grupo de traballo e de participación
  • Crear comisións de traballo específicas

O grupo de cultura xuntouse hai seis meses, a través dunha convocatoria da xestora de Compostela Aberta nunha reunión na que participaron aproximadamente 30 persoas. A partir dese momento, puxéronse en acción mecanismos en rede (loomio) e compartiuse información sobre a situación cultural da cidade para facer unha diagnose inicial. O grupo estable foi aproximadamente de sete persoas aínda que todas as reunións realizáronse en convocatoria aberta. O proceso de traballo foi similar nos restantes grupos de Compostela Aberta.

No mes de marzo encargouse a elaboración da proposta de cultura para o programa electoral da candidatura que foi elaborada a través dunha serie de reunións de traballo e rematada mediante un encontro de dous días. Finalmente, no proceso, incorporáronse distintas achegas a proposta inicial e foi aprobada pola asamblea de Compostela Aberta.

Esta é a primeira convocatoria aberta que se fai, despois da campaña electoral e de que a candidatura gañara as eleccións municipais. No plenario non participa ningún grupo político como tal, nin existe ningunha presión pola súa parte. As persoas participantes o fan a título individual como cidadanía interesada pola cultura. Compostela Aberta non é un partido político convencional, non se require ningún tipo de militancia aínda que se pretenda que os grupos sirvan como instrumento de traballo para a acción de goberno. Trátase do inicio dun proceso de política participativa que aínda non está delimitado e que debe alimentarse da xente, do talento e da imaxinación que as persoas queiran aportar.

Branca Novoneyra expón un resumo da situación do concello

Comezou a traballar o día nove de xuño polo que practicamente acaba de incorporarse á súa labor. A concellería que asume a área de cultura tomou o nome de Concellería de Acción Cultural e terá responsabilidade respecto do Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Zona C, os 45 centros socioculturais e respecto da organización das festas. Durante estes primeiros días adicou a maior parte do tempo a organizar encontros co persoal dos distintos equipamentos. En relación ao Auditorio de Galicia trasladou á súa equipa a intención de repensar a institución, de democratizala, modificar os seus estatutos e que a figura do director xerente sexa seleccionada a través dun concurso público. Así se lle trasladou ao actual director. Por outra banda solicitouse información sobre a situación económica dos distintos equipamentos.

En relación aos centros socioculturais, que deberían estar vinculados á acción dos centros de referencia. Contando cos responsables da área social, de mocidade e da área educativa, trasladóuselle a intención clara de descentralizar a acción cultural e atender especialmente ao rural. Os centros socioculturais informaron da súa complexa estrutura de persoal que conta con contrata de persoal funcionario e persoal laboral que foi externalizado.

Entre outros, celebrouse unha xuntanza co director da banda municipal. A banda ten problemas debido a tasa de reposición cero, cando alguén se xubila non hai forma de recuperar dita praza. Trasladáronse as liñas xerais do programa de cultura de Compostela Aberta.

Na área de festas, traballouse a contrareloxo. O mesmo día deste plenario desenvolveuse unha mesa de contratación en relación aos fogos do Apóstolo. loxicamente a programación das festas estaba xa moi avanzada pola anterior equipa de goberno e a maioría dos espazos estaban cubertos, con todo a maioría das contratacións estaban sen facer. Tomáronse pequenas decisión para intentar introducir as liñas de acción do programa de Compostela Aberta que entenden as festas como participadas, na medida do posible. Engadíronse algunhas propostas de artistas galegos e decidiuse que nas festas o acceso sexa gratuíto en toda a programación ao aire libre financiada polo concello. Tamén deseñouse unha programación de rúa nos barrios que saia da da zona vella e descentralice un pouco as actividades. Toda programación presentarase nun espazo de dez días.

Finalmente, mantivo algunhas entrevistas con axentes culturais, trasladoulles tranquilidade e o xeito en que concibe o programa de Compostela Aberta a relación entre o público e o privado. Existe inquietude por coñecer que vai suceder durante os vindeiros meses e é importante trasladar calma e explicar como é a forma de pensar unha cultura aberta e participada de Compostela Aberta.

Durante os primeiros días so houbo un primeiro contacto cos traballadores. fará falla máis tempo para ter unha visión completa da situación económica, da programación cultural municipal, pechada aproximadamente ata decembro, e da situación das distintas contratacións. Foron días moi intensos e fai falla facer un esforzo para estruturar e comunicar toda información recibida.

Xesús Ron abre a quenda de debate presentando a estrutura de orzamento da área de cultura do exercicio anterior e relata os datos (achegase o documento).

Belén Brandido expresa inquietude sobre as restantes contratacións do verán que resultan bastante urxentes, igual que as festas do Apóstolo. Respecto a ditas contratacións Branca Novoneira resposta que axilizaranse nos vindeiros días. Por outra banda Belén Brandido explica que os artistas de rúa, os que traballan a gorra (os non contratados), teñen un calendario de actuacións de verán e existe unha pequena problemática na Praza de Platerías respecto aos horarios na que habería que mediar. Ademais, teñen todos os permisos solicitados, pero o mesmo día do plenario falaron con tráfico para coñecer a situación dos mesmos e comunicáronlles que debido ao cambio de goberno demorarían outra vez un pouco é importante axilizalos porque deberían ter empezado a traballar xa. Branca responde que tentará axilizalo e pide que se lle traslade a información para falar coa concellería de convivencia que leva as competencias de tráfico.

David Tamech aborda a cuestión das actuacións na zona vella, e da ordenanza que existía para impedilas. Pregunta se existe xeito de modificala e poñerse en contacto con Música ao vivo para dar solución ao problema. Branca responde que o día seguinte do plenario está previsto recibir na alcaldía á plataforma musical, é que se trata do primeiro espazo cultural que recibe o concello porque o programa de Compostela Aberta inclúe a intención de solucionar o problema das actuacións ao vivo nos locais da cidade vella coa maior urxencia posible. Coa recepción iníciase o proceso de mediación, como unha das liñas máis importantes da acción de goberno nos primeiros días, ademais convocarase unha mesa de diálogo para tratar de solucionar o problema e desenvolver o compromiso adquirido.

Fernando Rei intervén respecto da banda municipal. Expón que é unha institución moi odiada e moi querida, explica que durante o presente ano vanse retirar tres membros e que sacáronse sete prazas de músico de reforzo a concurso coa falsa idea de ampliar a banda. A situación é complicada e aconsella o diálogo regular cos músicos. Por outra banda, respecto ao compromiso de laicidade do programa de Compostela Aberta, os músicos queren que se aplique á banda municipal e polo tanto non queren participar nas procesións relixiosas.

Xavier Mera remarca a importancia de coordinar os distintos espazos culturais da cidade, porque os centros están infrautilizados e puntualiza que en Santiago hai moitas dotacións musicais que tamén é necesario coordinar. Branca responde que é fundamental traballar de xeito coordinado, que hai moitísima programación cultural que é necesario que repensar. Expón como exemplo o incrible que resulta que non haxa ningún programa, dende os centros socioculturais, que conecte aos distintos públicos coa programación desenvolvida no Auditorio de Galicia. A acción cultural do concello debe ser de conxunto, moito máis profunda e continuada. É probable que a programación deba diminuír para poder facer traballo en profundidade. É fundamental poñer en conexión os distintos proxectos que se desenvolven na cidade.

Horacio González expón o programa cultural de Compostela Aberta

O programa de Compostela Aberta fundamentalmente pretende un cambio de modelo. A xestión de cultura debe ser participativa e de abaixo arriba. A elaboración da proposta foi unha encarga moi xusta de tempo e a principal dificultade era facer unha lectura ampla das necesidades da cidade. Estruturouse o documento partindo dunha serie de valores da candidatura respecto da cultura que despois derivaron en retos para a lexislatura a súa vez en liñas de acción asociadas a cada reto.

Os valores da candidatura son transparencia, participación, accesibilidade, igualdade, transversalidade, descentralización e diversidade. Toda acción do goberno debe ser comunicada con transparencia á cidadanía. A participación é un eixo fundamental da candidatura pero necesitamos crear unhas estruturas de participación e moita formación. O obxectivo fundamental do grupo de cultura sería que o próximo programa de Compostela Aberta fose un programa realmente participativo, non o resultado dun pequeno grupo de traballo. Por outra banda é necesario dotarse de recursos e dar accesibilidade aos espazos e aos equipamentos culturais da cidade tanto dende o punto de físico como informativo. A acción cultural debe ser transversal en todas as accións de goberno, por iso decidiuse que cultura fose unha tenencia de alcaldía. Finalmente é necesario descentralizar a acción cultural tanto no territorio como no tempo, cultura e todos os lugares durante todo o ano, e diversificar a oferta cultural para atender a todas as súas manifestacións.

Os retos para a lexislatura son Recuperar a vitalidade cultural da cidade, Empoderar culturalmente a sociedade e Transformar as políticas culturais municipais. Todas as persoas son plenamente conscientes de que a situación cultural da cidade, a día de hoxe, é peor que hai anos. A cidade ten menor vitalidade cultural; solucionar problemas como o das actuacións musicais no casco vello ou facilitar as manifestacións de arte na rúa, deben ser a primeira prioridade da candidatura. Empoderar culturalmente á sociedade, supón dotar a cidadanía de estruturas de participación, adoptar un sistema que permita cambiar a dinámica de toma de decisións. É necesario por en marcha liñas de formación, deseñar e crear ditas estruturas de participación, e recuperar a xestión comunitaria dos espazos da cultura. Finalmente, o último reto propón poñer en cuestión a idea do concello como un ente programador que compite deslealmente coa iniciativa privada (cooperativa, asociativa, empresarial, etc...), para transformalo nun elemento mediador, unha ferramenta, que facilite o desenvolvemento da acción cultural. No lóxico debate público-privado que supón calquera acción política e fundamental a noción de procomún, espazo no que situamos a cultura.

Cada un dos retos contén unha serie de liñas de acción asociadas que se poden consultar no documento. Entre todas elas, catro foron votadas na asamblea de Compostela Aberta para que sexan levadas a cabo en primeiro lugar como parte das primeiras accións de goberno, a resolución do conflito da música ao vivo, unha diagnose da situación cultural da cidade a través dun inventario de dotacións culturais (persoas, colectivos, iniciativas que hai ou que houbo), a creación das primeiras estruturas de participación, e a transformación do xeito de contratar cultura para que na medida do posible que todo se faga a través de convocatorias abertas. Respecto desta última preténdese que a dirección do Auditorio, que xestiona a maior parte de cultura na cidade, se decida a través dun concurso aberto por proxecto.

Luis García salienta a importancia da recuperación artística da cidade. Chegou fai 20 años e quedouse impresionado pola actividade artística de Santiago. Fai uns meses estaba disposto a marcharse da cidade se volvía a gañar o mesmo goberno. Parécelle fundamental recuperar actividade cultural que tiña a cidade e remarca o desaloxo cultural da ciudade que quedou vendida ao turismo.

Ovidio ...... comenta que os centros culturais funcionan por libre, de xeito independente, e que moitos deles parecen estar en maos moi conservadoras. Debe fomentarse a coordinación. Por outra banda son fundamentais as sinerxias que podan xerarse entre as cidades que teñen marea. A falta dunha consellería de cultura, que chegará co tempo, é necesario crear unha estrutura en rede que implique tamén aos concellos pequenos e medianos. A cultura ten que superar unha etapa de dependencia económica da administración que a súa vez debe pasar a favorecer a actividade cultural non instrumentalizala. Ë necesario crear unha rede de centros que acolla a todas as disciplinas e chegue ata onde aínda non se puido chegar.

Horacio responde que están previstas reunións co grupo de Coruña e que se falou da posibilidade dunha rede nacional. Hai conexións persoais que xa son efectivas.

Belén Brandido suxire repensar os espazos e menciona algúns deles como Abanca, que é privado pero moita da súa programación a fai o Auditorio e o Pazo de Congresos, que non depende do Concello, é unha concesión. Tamén salienta a importancia da comunicación cos públicos, coa cidadanía, para xerar novos públicos. Finalmente explica que a información sobre programación da cidade as dotacións de cultura son inaccesibles.

Horacio responde que a última fase da liña da acción de diagnose que comeza co inventario será crear un espazo web onde comunicar toda a información obtida.

Xesús Ron explica como na Coruña xa dende meses atrás a xente que fai danza non espera a que o concello lles resolva os problemas. Constituíron un grupo de traballo e elaboraron unha proposta para o Teatro Rosalía de Castro, un proxecto de programación expandida para o mesmo. Salienta que a iniciativa e a responsabilidade está en nos, o concello pode realizar un traballo de mediación pero a iniciativa, a metodoloxía e a proposta debe partir de nós mesmxs como suxeitos culturais.

Xavier Mera defende unha nova relación co concello na que este non sexa un dador orzamentario, explica que moitas veces a dificultade de relación co concello é na relación coa equipa técnica de cultura e pregúntase como enfrontar as inercias das equipas.

Horacio explica que buscar unha sinerxia co equipo de traballo do concello é fundamental, que xa houbo reunións de traballo co equipo. As candidaturas municipalistas supoñen un cambio de paradigma, de mentalidade que require dunha importante adaptación do funcionariado. Con todo o que percibimos é que a equipa de traballadores do concello foi moi maltratada na anterior lexislatura e que recibiron a candidatura con moita alegría. A predisposición de entrada é bastante boa.

Gumer Feijoo explica que é produtor musical e que cree que non é necesario cambiar todo, que algunhas cousas funcionaban ben. Expón que como produtor musical programaba unha serie de concertos na Sala Capitol, nos que o concello se facía cargo do alugueiro da sala. Pregunta como vai ser a relación a este respecto a partires de agora. Finalmente explica que na cidade non hai salas municipais para facer Rock&Roll e que polo tanto facilitar o acceso a espazos privados é necesario.

Branca responde que a Sala Capitol ten un convenio nominativo co concello de 9000 euros. Explica que a maior parte das subvencións son nominativas e que hai proxectos que precisan dun apoio continuado, pero que é necesario fomentar procesos de concorrencia competitiva mais transparentes.

Xesús Ron expón o programa aposta claramente pola transparencia, que hai que transformar mecanismos que son opacos e pouco democráticos. Non se trata de modificar as actividades concretas que se programan se non os procedementos polos cales se financian ditas actividades. A relación entre a administración pública e as empresas privadas debe garantir a igualdade de oportunidades para todos e favorecer a diversidade, esa é a clave da nova acción de goberno.

Xesús explica o funcionamento do grupo de cultura

O programa de Compostela Aberta elaborouse mediante propostas de grupos de traballo similares ao de cultura. Preténdese un funcionamento operativo que permita transformar as políticas culturais de xeito participativo. A presente reunión, que leva o nome de Plenario do Grupo de Culura, trátase dunha estrutura de participación fundamental na que se asiste de xeito voluntario e desinteresado. Ningunha das persoas da mesa cobra nin traballa por un interese persoal.

A misión do plenario e das distintas comisións de traballo será desenvolver os aspectos do programa que necesiten maior concreción, perfilar o que está descrito no programa e acompañar no proceso de toma de decisións ao equipo de goberno. Con todo, é fundamental que non sexa exclusivamente un interlocutor co concello senón coa á cidade. Non é o concello quen vai revitalizar a cidade senón a comunidade cultural coa axuda da ferramenta institucional do concello.

O plenario incorpora a todos os suxeitos culturais da cidade, profesionais ou non, que queiran participar. Non en representación de ninguén, senón de si mesmos. As reunións serán trimestrais durante o primeiro ano, outro plenario en setembro e outro en decembro. A partir de 2016 a xuntanza sería semestral. Do plenario deberían xurdir estruturas de traballo operativas co obxectivo de desenvolver accións concretas, como por exemplo as comisións de traballo. Ditas comisións de traballo renderán contas semestralmente no plenario, estarán formadas polos asistentes ao plenario e designarán unha voceira, pero serán autónomas na súa metodoloxía e dinámica de traballo.

Respecto á coordinación, proponse manter ata final de ano, a Xesús como coordinador do Grupo de Cultura, que foi nomeado en xaneiro. A partir de ese momento a persoa coordinadora debería ser relevada semestralmente, cada seis meses elixiríase no plenario unha nova persoa coordinadora que non poderá repetir nun período de dous anos. A súa función será dinamizar o funcionamento do grupo de traballo, estar en contacto coa persoa responsable da área de cultura no goberno e darlle o apoio no que necesite, e estar en contacto coas comisións de traballo que se constitúan.

Finalmente salientar que a estrutura descrita e unha estrutura inicial de participación que debe mellorar e estenderse pouco a pouco co tempo, como por exemplo creando mesas sectorias independentes pero é unha boa forma de comezar a traballar.

Iria Ribadomar explica que é moi interesante que a misión do grupo sexa dobre. Por unha banda está a relación coa administración e o concello que debe servir para fortalecer a rede de traballo cultural da cidade, por outra banda o grupo poder ser unha ferramenta de transformación social independentemente da administración pública.

Miguel de Lira comenta que a forma de xestionar a cultura vai ser unha novidade, non só respecto a outros concellos e pregunta como se vai artellar a transversalidade, a relación coas outras concellerías e cales van ser os vectores de participación das outras concellerías.

Ania presenta as primeiras Comisións de traballo propostas

En primeiro lugar e respecto do cambio de paradigma que supón a xestión participativa remarca a importancia de facer o exercicio de falar en primeira persoa do plural (nós) e non na terceira persoa (eles). Non se trata de que se vai facer no concello ou que van facer no concello, senón de que imos facer no concello.

Eleva a proposta para formar as tres comisións iniciais, Participación e comunicación, que debera desenvolver propostas acerca de como dotarnos dunha estrutura de participación, Democratización de equipamentos e políticas culturais, que terá como primeira misión elaborar unha proposta de como deberían ser os procesos de concorrencia competitiva e no caso concreto do Auditorio de Galicia os seus futuros estatutos e concurso de dirección baseado en proxecto, e finalmente Catálogo inventario de recursos culturais da cidade, que ten como misión obter información sobre os recursos da cidade, tanto dotacións de infraestruturas como recursos humanos, iniciativas, colectivos, etc.

Balta ..... pregunta de é posible celebrar as reunións das comisións de traballo en espazos públicos.

Pela ..... explica, respecto do inventario, que na Zona C hai cerca de 15mil películas almacenadas en caixas.

Ovidio ..... pregunta como de poden publicitar as actividades culturais da cidade e dos centros socioculturais.

Horacio explica que é posible ligar esta necesidade coa última fase da liña de acción do inventario e a catalogación de recursos, xa que será necesario crear un espazo onde comunicar e dar acceso á información obtida, dito espazo podería conter tamén unha axenda colaborativa da cidade.

Xacobe ..... pregunta como se poden activar e estruturar as mesas sectoriais.

Xesús Ron responde que cree que cada sector debe auto-organizarse e crear a súa mesa de xeito independente e anima a que xs asistentes o fagan.

Rocío ..... Explica que xa hai unha axenda web en compostela, pero que agora só informa das actividades do concello.

Anxo ..... Fai unha reflexión sobre que a cultura é algo máis que programación de actuacións e concertos, que habería que impulsar accións para favorecer a instalación de empresas culturais na cidade, facilitando a tramitación administrativa e vantaxes fiscais. Explica que por exemplo resulta moito mis doado abrir un bar que unha librería na cidade. Por outra banda con respecto á Universidade pregunta se hai algo pensado, xa que esta foi historicamente un motor cultural da cidade que influenciou enormemente no modelo de cidade que é Compostela e que na actualidade debería recuperar ese protagonismo.

Finalmente como último punto da reunión proponse como data de convocatoria para o seguinte plenario o mércores 23 de setembro.